dissabte, 2 d’abril del 2016

Villares: A memoria en pé.


http://memoriadocarcere.com/2016/04/01/manuel-villares/#more-584


Manuel Villares

Manuel Villares

Manuel Villares, Manolo para os coñecidos, chega á cita moreno e sorrinte: “E que A Coruña é un bo sitio para andar, e eu ando varias horas diarias”.

A detención

Manolo empezou a militancia política aos 16 anos. Aos 20 detivérono e pasou un mes e medio no cárcere da Coruña. Despois viñeron outras prisións como Ourense e o Castelo de San Felipe en Ferrol.
Formaba parte das Xuventudes Comunistas e un día forono buscar ao traballo, o estudo de fotografía Lamela, na rúa de San Andrés. O xefe era favorable ao réxime, pero os seus dous empregados estaban detidos por loitar contra a ditadura: “Non puiden volver a ese traballo”.

Os seres queridos

“A miña familia pasouno mal”, conta Villares. “Non era fácil ter un fillo metido no cárcere, que estaba xusto a carón da casa onde viviamos, en Monte Alto. Meu pai traballara nas minas de volframio en Lousame e era da CNT, estaba familiarizado coa loita política, pero el e miña nai tiñan moito medo e viviron momentos difíciles. Mais Teresa decidiu que sería a miña compañeira para sempre cando soubo que me levaban preso. A ela e a súa irmá tamén as detiveron, eran unhas nenas, pero non atoparon nada e as soltaron. No rexistro da miña casa tampouco atoparon gran cousa, varios exemplares de Mundo Obreiro e uns panfletos, pero iso chegaba para ir a cadea”.

O encerro

“O cárcere era un descanso”, di Villares con ironía. “O problema era estar fóra e ver que non se cumprían os nosos soños de liberdade e xustiza. Coincidín cos detidos no famoso Proceso dos 23. Había moitos universitarios e as celas eran auténticas aulas de formación e debate. A primeira lección na cadea era non ter nada. Os libros non existían. Non conservo ningún escrito de aquela época. Tan pronto como lías un documento desfacíaste del, pasándollo ás compañeiras e compañeiros para que puideran lelo. A aprendizaxe era intensa: infiltrarse no sindicato vertical, facer asembleas, montar folgas, responder a calquera inxustiza para ir conquistando espazos de liberdade. Loitar polas liberdades de reunión, de asociación, de prensa, de partidos políticos… “Saiamos tan reforzados na defensa dos nosos argumentos que ata eramos quen de explicarlle aos policías a política de reconciliación nacional”.
Sobre a vida no cárcere, Manuel subliña a importancia do apoio exterior para resistir: “A alimentación era desastrosa, pero funcionaba unha rede solidaria que permitía compartir os alimentos que nos enviaban as familias. A gran familia do partido ( PC, ou Partido Comunista) era un bo soporte físico, moral e intelectual”.

A loita sindical

“A guerra foi terrible, pero a ditadura era unha asfixia permanente”, afirma Villares. E relata: “Un grupo de media ducia fundamos Comisións Obreiras (CC.OO.). Había que ter unha profesión e infiltrarse nas fábricas. Foi aí cando me fixen torneiro. En Oxigalicia traballei 3 anos, e conseguimos que de 80 traballadores,70 foran afiliados de Comisións”.

A memoria activa

“Á miña filla María sempre lle falei do cárcere e da militancia política e sindical”, explica Villares . “Ela está lonxe. Tamén tivo que marchar a buscarse a vida ao estranxeiro, é socióloga e está traballando de investigadora en Birmingham. Nunca fun visitala. Deixounos unha cuadrilla de cans e gatos que non podo abandonar. Pero irei pronto”.
Despois de máis de 40 anos anos na loita sindical e política agora colabora con Podemos e os movementos cidadáns. Antes de despedirse non se esquece de dicir: “Se necesitades algo, estou aquí para o que faga falta”.
Veño para casa e dende o coche véxoos camiñando pola beira da Ría moi perto da Ponte Pasaxe, el e Teresa. Van felices. Bicos para os dous.
Entrevista realizada por Isabel López Mariño