dijous, 14 de novembre del 2013

“Billy el niño” e a tortura no postfranquismo.


http://ecoar.eu/2013/11/13/billy-el-nino-e-a-tortura-no-postfranquismo/


13/11/2013
By 
Estamos en setembro de 1978. Pasaran nove meses da aprobación da “Lei de Amnistía”, tres da “Lei Antiterrorista” e aínda faltaban catro para que se aprobase a Constitución.
En setembro de 1978 eu tiña 19 anos e militaba no GRAPO. Eu era “El Andaluz”, unha figura que os medios de comunicación postfranquista alimentaban ao xeito de “El Lute”.
Colléronme en Ourense, e nesa mesma madrugada trasladáronme a Santiago, onde estiven durante 7 días e 8 noites nas súas mans.
O triunfo policial debía ser rotundo e magnífico, así que nos calabozos quixéronme facer o autor material dunha morea de sucesos. Avisáronme! Eu, “si ou si”, ía ser o asasino confeso dun garda civil en Santiago e dun policía armada en Barcelona, ademais do responsable do disparo a un jeep dos grises que participaban no desafiuzamento dunha vivenda na Rúa Marín de Vigo, do tiroteo do cuartel da Garda Civil en Montero Ríos de Vigo e de asaltos a bancos, roubo de armas e explosivos,…
Grazas ao “Decreto-lei de seguridade cidadá”, eles podían terme preso todo o tempo que quixeran e retiñan todo o aprendido no franquismo para sacarmo: elaboraban os atestados e sumarios ao seu gusto e torturábanme. Claro que asinaría todo iso!… O único que tiña claro que non faría en ningún caso, a pesar das constantes palizas, era inculpar a ningún compañeiro. Incluso estaba disposto a asinar o do garda civil de Santiago e o do policía de Barcelona, sucedidos con dúas horas de diferenza… Pero, ao día seguinte, chegou “Billy el niño”, e decatouse do disparate dos meus primeiros extorsionadores, e todo mudou definitivamente.
Cando un Estado recorre á tortura contra os seus disidentes é porque quere destruír ao “inimigo”. Billy tiña moi aprendida esta lección, así que el non só buscaba información policial. Billy o torturador buscaba quebrarte para, como un funcionario abnegado da ditadura, gozar coa humillación, coa túa derrota física e moral. O sistema de Billy é a quintaesencia do sistema represivo, só lle importa anularte. Por iso Billy (como o Estado) arremetía contra o detido unha e mil veces… De cando en vez, como un afable funcionario, contábame un chiste patético ou algunha anécdota da súa miserable vida. Se esbozabas un sorriso para relaxarte a ti mesmo, caíache un golpe medido. Nunca te deixaba relaxarte. O Sistema xogaba á democracia e Billy a facerse o gracioso cos seus contos.
img_4050
Jose Antonio González Pacheco,
alias “Billy El Niño”.
Billy era altanero con todo o mundo menos co Comisario Conesa, ante o que se dobregaba de admiración. Os brigadas non eran compañeiros, eran os seus esbirros. Eles eran os que daban as palizas brutais ou os que te suxeitaban no chan para que el fose o que che dese o golpe preciso. Agarrábante e…. zás! un sable acaba de cortarte a pranta dos pés.
A tortura busca calar a túa razón, escaldar e esmagar calquera resistencia. Noites, mañás, tardes… perdes a noción do tempo e sentes que a túa vida lles pertence a eles, ao Sistema e aos torturadores.
O teu cerebro chega ao máximo. É unha dor indicible. Cres que xa non pode haber máis! Pero todo o tempo te equivocas. Os esbirros voltan suxeitarte e colócante de xeonllos canda el e, entre todos, comezan a golpearte a gorxa, despacio, “para non romperte a noz”. Pouco a pouco, a forza dos golpes vai aumentando, sentes como afogas co teu propio cuspe… xa case estás k.o, pero aínda seguen. Sentes como te renxen as cervicais, sentes como te renxe o cerebro e, nese intre, pídeste a ti mesmo morrer ou que te maten! Quizais foi a única súplica… Supliquei que me matasen! Pero Billy, como o Sistema, non quere matarte, só busca derrotarte! Convencerte de que tí es o malo, o responsable, o que se buscou esa situación… Situación que só cesará se te aprestas a servilos e compracelos en todo o que te esixan.
No postfranquismo que chega ata hoxe en día Billy era o Estado, o Estado era Billy.
Eu, Francisco Rodriguez Veloso, estiven preso 17 anos ata que, grazas a unha folga de fame de vinte días, saín co terceiro grao. Actualmente, e como froito das folgas e penurias sufridas no cárcere, son un enfermo crónico e un activista incansable aínda máis crónico.
Él, Jose Antonio González Pacheco, como moitos outros da sua calaña, segue aínda hoxe en día impune polos seus crimes, torturas e asasinatos franquistas, e impune igualmente ante os cometidos trala Aminstía de outubro de 1977.
Francisco Rodríguez Veloso “El Andaluz”.
Preme AQUÍ e descarrega o pdf!